viernes, 29 de mayo de 2009

Sabela


Véndense zapatos para bebé. Sen estrear...


Non lle importa que no instituto a mirasen de esguello. Agora todo o que denantes significara un pesadelo resultou ser unha broma absurda. Agora xa non ten medo, só camiña en dirección a ningures, que é case sempre ónde nos leva a vida.

Berta ten os ollos grandes, cheos de pequenos interrogantes que tintinean cando palpebrexa. Agocha tantas preguntas neles que é imposible mirala. A Berta, hai que vela. Gústanlleos xeados de noz con limón e chocolate, unha mestura improbable que herdara do avó Antón. Tódolos veráns paseaban pola praia do Vilar e ó chegar ó fondo, o avó regaláballe o xeado como premio. Daquela, cando o avó vivía, Berta era feliz, era nena. Hoxe só restaban bonitos recordos, e o medo de non volve-lo ver. El era o seu amor, o home da súa vida. Admirábao até o punto da idolatración. Antón Ferreira fora mariño no Gran Sol e coma a súa neta, tiña os ollos abertos cara o mar.

Hoxe decidin madrugar. Madruguei porque non daba durmido. Porque só daba voltas na cama. Porque sei que estás ahí, inda que non te movas. Sei que sabes que teño medo, que me doen as pernas e a cabeza. Que só teño pesadelos e ningún soño bonito. Porque ti estás.
Pablo non sabe nada, non podo dicirllo. É un segredo enorme. Xigante. Un segredo para gardar no peito e non compartilo con ninguén. Só contigo pequeno verme a rebulirme no ventre. E no pensamento. Por que non te quero?Quero que te vaias, que desaparezas e nin quede o teu recordo. Vaite!

No mes de Maio as contras do seu cuarto non se pechan nunca. É unha especie de tradición tácita, unha costume que xa ninguén lle reprocha. No mes das lúas Berta asómase para ve-lo peirao. Cando era pequena facíao co avó. Era un segredo, neste caso compartido, que ninguén contou e todos na casa saben. Berta fala coa lúa chea, coa lúa das mareas que decide sobre o tempo e as colleitas, sobre o pelo e as unllas. E agora tamén sobre os bebés. A lúa inflúe no embarazo. Embarazo. Un neno dentro. Ou unha nena. Ou ti.
Hoxe que xa é Maio Berta íspese de vagar ante o espello. Ten 16 anos e os ollos grandes. É coma unha noz pequerrecha, coa cariña redonda e a pel morena. Co reflexo da lúa o seu cabelo dourado brilla incandescente. Vai falar co mar, vai falar espida. É só dela, só seu. Posesivamente, o mar.
Ó encaramarse na fiestra comprendeo todo, é o momento exacto de lucidez no que desaparecen os problemas. Non pensa na familia, nin en Mateo, nin nas clases, nin no tenis...só pensa no mar, e no avó. Pregúntase que pensará aquel home de voz grave de saber que ten un visneto. Ou visneta. Aínda sen nome, porque se tes nome voume acostumbrar a ti. Non quero quererte.
Berta multiplica e recrea os mares, as rochas todas e as penedas Neptúnicas. Cheiranlle as mans a salgado. Todo ese aroma que a rodea faina ser ela. Ser unha serea, como lle dicía o avó.
Non che pasa nada, verdade?Non teñas frío, non quero facerche dano, sei que podes nadar, aí dentro falo sempre non?
Sube as escaleiras que conducen o balcón totalmente mollada. Son as 4 da mañá. E hoxe só se ve a lúa. Chea. Coma a súa barriga adolescente.

Mateo quererame?mamá di que a nosa idade non sabemos nada do amor. Eu creo que te quero, pero non sei se te amo. Penso moito en ti, tódolos días desque decidín non verte máis. Estarás sufrindo?Seguro que pensas que xa non te quero, porque non che dei ningunha explicación. Alonxeime como fan as alondras ó rematar o verán, dun día para outro. E así pasan os días, de luns a venres, e onde estarás?



Mateo. Mateo é músico. Toca o piano. Clin clin clin fan as teclas coma pingas que descen tralos cristais. Mateo é libre, coma a melodía que crea. Hai seis anos que veu da Arxentina e velo foi coma un rebumbio no peito.
Agora, co paso dos anos, o encanto daquel mozo extranxeiro medrou. E con 19 anos Mateo é o amor da súa vida. O amor de Berta. El escolleuna a ela, de entre tódalas persoas, para compartir a súa vida. Escolleuna porque ela nin se enteraba de que a seguía polos corredores e a esperaba na porta da clase, que sabía de memoria como sonaba o seu riso. Escolleuna porque era diferente, absurdamente libre.

Temos un bebé. Un fillo noso. Do noso amor, das noites na praia, Mateo. Temos un fillo no meu ventre. Só eu o coñezo, e o avoiño do ceo.
Espero que teña os teus ollos, verdemar da Arxentina!gústanme tamén as túas mans, suaves e ben feitas. Pero e se non o quero. Que digo?ten que irse, non pode habitarme deste xeito. Irse xa. Irse Mateo, irse. Sei que o quererías. Coma min, que xa te quero pequeno verme. Andas a rebulir de novo e fasme coxas. Xa te quero.


19 de Xuño do 1986

Sorrís cos ollos ainda pechados. Sorrís e abres moito as mans para pescuda-los meus dedos. Ó final o avó aconselloume dende as penedas mariñas para que te deixase estar, contoume que tamén mamá tivera medo comigo. Medo. Agora mamá chora e bicate sen parar. Mamá que non se enfadou cando llo contei. Nin Mateo. Que te ama, está orgulloso de ti meu pequeno verme. Imos vivir na praia. Na casa de madeira que me deixou o avoíño. Viviremos os tres, cerca de mamá por suposto. E cerca de papá, que ven dúas veces o ano. Agora mesmo está en camiño, ven para coñecerte, para collerte coa man aberta. Imos vivir coma unha familia, camiñaremos descalzos pola area e espiremonos ante a lúa.
Non é tan difícil medrar, só é cuestión de vence-lo medo. Mateo toca o seu elegante piano de cola, escoita pequeno verme, é unha canción para ti, polo teu nacemento. Sorrí cos ollos verdemar, ó final quedaches con eles.


19 de xuño de 2009


Naquela caixa atopei os segredos da miña vida. Mamá escribía porque tiña medo. Escribiame a min. Envolta en papel verde mazá e cunha nota pegada: "Véndense zapatos para bebé. Sen estrear."
Mamá agochoume porque non sabía que facer, porque tiña medo dos seus 16 anos. Pero queríame, seino, queríame ainda cando me repudiaba. Ninguén o sabía, só eu agora. Mamá comprabame patucos tódalas semanas. E dicía que non me quería. Na caixa estaba todos, sen estrear e co precio posto. Habíaos de tódalas cores: azuis, rosados, verdes, amarelos, lila...pero fixaronseme na retina uns vermellos.
Mamá e papá sempre andaban descalzos e na miña memoria non aparecen zapatos de nena, só pes de mar e area.
Ela non foi quen de vendelos. Están ahí, colocados na caixiña verde. Eran para min, para min cando ainda eu era un interrogante. Cando mamá non sabía que eu sería Sabela, o seu pequeno verme.

miércoles, 27 de mayo de 2009

Palabras disfrazadas


Quería saír do mundo. Saír de si mesma. Daquel corpo que a habitaba. Daquel medo seu, tan seu que arrepiaba.


Nacera cos ollos enormes e interrogantes. E aínda lle restaban moitas preguntas por facer.


-Porque tes medo?
Porque son libre.


E naquel intre caeu a máscara. Crash!

Soñarei























"El mundo real es mucho más pequeño que el mundo de la imaginación."

Friedrich Nietzsche





Non importaba o que os demáis pensaran. O que vós pensedes. Prefería chorar cada noite ó meterse na cama polos mil e un amores platónicos que ensoñaban os seus días. Prefería iso ó engano, ó corpo alleo. Á temible xurisdicción doutra pel.